viernes, 20 de marzo de 2020

TRABALLO PARA O PERÍODO COMPRENDIDO ENTRE O 16 E O 27 DE MARZO

O traballo para estes días é terminar de facer en casa o traballo que xa empezamos en clase.
Recordade: facede primeiro o texto en Writer (ou Word) e despois a presentación en Impress (ou PowerPoint).
As dúbidas que teñades podedes consultarmas no meu correo envilope@edu.xunta.es
As exposicións farédelas na primeira semana que teñamos clase, e logo o exame, pero tampouco vos vaiades preocupar agora por iso; se preferides podemos facer as presentacións e o exame máis adiante. Seguramente a nota desta parte da materia contará para a 3ª avaliación.

lunes, 25 de marzo de 2019

LIGAZÓNS QUE MENTEN

Un dos consellos de seguridade dos bancos é teclear a URL do seu servizo de banca electrónica en lugar de seguir unha ligazón que nos inviten a utilizar.
Por que pensades que pode ser?
Onde pensades que leva esta ligazón?

Cuidad-ING!!!

Os termos de abaixo refírense a problemas relacionados co uso de internet.
En ocasións o problema ten que ver co mal uso das redes, noutros con problemas relacionados coa espionaxe ou as limitacións dos antivirus.
Cales coñeces? En que consisten?
- Ciberbullying (o Cyberbullying)
- Gossiping
- Grooming
- Pharming
- Phishing
- Sexting
- Smishing
- Spoofing

martes, 24 de octubre de 2017

CONSELLOS PARA USAR O AUDACITY


  1. Sempre que queiramos facer calquera modificación, comprobar que está en STOP e non en PAUSE

  1. Se queremos usar un novo clip para un proxecto, hai que ter aberto o proxecto co Audacity; logo abrimos co Audacity o novo audio, copiamos a parte que nos interese, pechamos ese clip e a pegamos no proxecto (Ctrl+v) no time line DEBAIXO das pistas coas que xa esteamos traballando. Logo poderemos movela onde queiramos.


  1. Para afastar o time line usade Ctrl+1, para achegalo usade Ctrl+3.

jueves, 5 de octubre de 2017

REDES DE TRISTURA
















Xa hai anos que moitos usuarios das redes sociais sabemos que teñen innumerables aplicacións pero que, en demasiadas ocasións, despois de usalas sénteste peor que como te sentías antes. Por que? Porque involuntariamente tendemos a comparar a nosa vida coa pseudovida que outras persoas publican nos seus perfís. Digo "pseudovida" porque non son realmente as súas vidas, senón a imaxe que queren que os outros teñan das súas vidas reais.
Hai case un ano saíu un estudo (eis a noticia de El País a respeito del) que indicaba exactamente iso: as persoas que deixan de usar as redes sociais obteñen moi pronto niveis máis altos de felicidade.
Pero se escribo este post agora non é a conta dese estudo, senón a raíz da morte, hai uns días, dunha rapaza -que eu coñecín trala súa morte- que polo visto era unha 'influencer' (curiosa palabra) moi seguida. A noticia de El Mundo cóntanos precisamente o que antes comentei: que a obsesión por construír unha vida idílica que contar aos seus seguidores e ás súas seguidoras era tan grande para ela como o descontento que sentía coa súa vida real.
Ámbalas dúas ligazóns merecen unha lectura repousada. E unha reflexión despois dela.

martes, 7 de marzo de 2017

EDITOR DE FOTOS ON-LINE

Non dá a mesma comodidade que telo instalado no computador, porque entre outras cousas méteche publicidade, pero nesta dirección hai un editor de fotos on-line (polo tanto, para usalo hai que estar conectado á Rede) que podemos aprender a utilizar. Os comandos básicos son moi parecidos aos dos programas máis coñecidos, como o PhotoShop de Adobe.

lunes, 30 de enero de 2017

A VER SE VAI...

http://es.slideshare.net/tecnocesures/los-dos-reyes-y-los-dos-laberintos?qid=be2aee29-c1f0-4463-9329-9364375094a0&v=&b=&from_search=2


jueves, 16 de junio de 2016

TECNOPOSTUREO

Saíu estes días unha noticia sobre o que os españois din saber sobre tecnoloxía e o que realmente saben. Curiosamente os termos que máis "usamos" sen saber o seu significado son: STREAMING, NUBE, WEARABLE.

- STREAMING: En poucas palabras, refírese a utilizar un contido (normalmente reproducir un arquivo cun contido audiovisual) directamente desde a site que a contén, sen necesidade de descargalo por completo.
- NUBE: pódese substituír ao falar por "almacenamento remoto", ou on-line; en vez de gardar a información nun dispositivo físico que nós poidamos mover gardámolo en memorias do servidor do servizo web (pode ser, simplemente, gardalo no noso correo electrónico, aínda que hai 'nubes' máis específicas, como Dropbox).
- WEARABLE: literalmente, "vestible"; trátase de dispositivos informáticos "encaixados" nunha prenda de uso xeral, como un reloxo (smartwatches), unhas lentes (Google Glass), etc.
Se queredes información máis completa utilizade as ligazóns.

viernes, 26 de febrero de 2016

CREATIVE COMMONS

Se queremos utilizar un fondo musical sin necesidade de preocuparnos por dereitos de autor deberíamos utilizar alguna gravación de Creative Commons. Eis unha ligazón para que coñezades de que vai, e outra máis da Wikipedia.

miércoles, 20 de enero de 2016

SOBRE AS COOKIES E A CACHÉ

http://cdn3.volusion.com/74gtv.tjme9/v/vspfiles/photos/Delicious%20Dozen-1.jpg
















O xornal El País de hoxe, na súa edición dixital, enlaza con esta información que pode ser interesante para saber que son as cookies para o bo e para o malo...

Hai xente que, en ocasións, confunde as cookies coa caché. Mirado de certo punto de vista teñen que ver, pero non son a mesma cousa nin de lonxe. Unha vez que xa vistes o que son as cookies, mirade aquí que é a memoria caché e deduciredes facilmente as diferenzas entre elas.

martes, 19 de enero de 2016

Acabar co acoso escolar...

No xornal La Voz de onte cóntannos como o traballaron en Finlandia, que é a referencia máis usada en Educación. De todos xeitos, non sempre é acertado tratar un can como un crocodilo, porque pode que fiques sen man se pretendes aloumiñarlle o lombo.
Further information...
E dúas referencias máis completas en español:
- De El Semanal
- Do ABC 
Se aínda queredes ver máis referencias, buscádeas aquí (as de Spain, loxicamente).

viernes, 15 de enero de 2016

UN POUCO DE SEGURIDADE

http://zeeko.ie/wp-content/uploads/2015/07/Internet-Safety.jpg
Aí fican algunhas entradas sobre seguridade na Rede:
Esta primeira fala sobre o phishing (suplantación da identidade) e como protexernos del. Aquí esténdense un pouco máis explicando os distintos tipos de trucos que utilizan para roubarnos a identidade. Neste senso é importante ten un contrasinal seguro; xa demos indicacións nas fotocopias e na clase para conseguilo. Nesta noticia fálannos dos constrasinais máis usados, que é un pouco falarnos tamén de erros graves que se comete ao establecer un contrasinal. Aínda que hai leis para protexernos, non semellan suficientemente efectivas.
Ter un contrasinal non seguro, ademais de facilitar o roubo de datos para phishing ou con outras intencións, pode facer máis doado o contaxio ou as consecuencias de ser contaxiados por virus. Boa maneira de evitar os virus é navegar por páxinas de confianza e posuír un bo antivirus actualizado. Se cadra non tedes demasiado claro se antivirus e cortalumes son o mesmo, velaí tedes información sobre similitudes e diferenzas entre antivirus e cortalumes.
E, xa que falamos de virus e antivirus, póñovos tamén estoutra ligazón para que vos fagades unha idea dos distintos tipos de virus que andan por aí.
Outro risco posible relacionado coa nosa seguridade e internet ten que ver co uso remoto da nosa webcam; xa vos falei do truco de tapala. Aquí fálannos un pouco sobre os motivos, aínda que hai moito máis que contar. Nesta outra nos falan máis polo miúdo, a partir dun caso concreto para se referiren ao asunto máis en xeral.

jueves, 5 de noviembre de 2015

Microprocesador QuadCore de 1.5GHz = Microprocesador de 6GHz?

A resposta é non.
A explicación rápida pasa por que recordedes os diagramas de frechas e de operacións e tempos de 2º: ao repartir o traballo, había veces que un traballador tiña que esperar polo que estaba a facer outro para poder empezar co seu seguinte traballo. Deste xeito, un traballo que feito por un traballador levaba un total de 60 minutos, dependendo de como se puidese repartir, igual acababan facéndoo en 45 minutos ou en 36, pero nunca por debaixo do tempo da "cadea principal", lembrades?
Cos núcleos dos microprocesadores pasa algo parecido: para facer un traballo teñen que repartirse as operacións para ir facendo cada un a súa (traballando EN PARALELO) pero normalmente os traballos globais non se poden dividir en operacións individuais que tarden en facer o mesmo tempo e que poidan facer en calquera momento cada un dos núcleos, senón que van ter tempos de espera por traballos que aínda non terminaron algúns dos outros núcleos e as operacións que fan os distintos núcleos teñen distinta complexidade, polo que duran distinto tempo e uns núcleos teñen que esperar por outros.
Unha explicación máis completa tédela en Xataka. Xa vedes que non son o único que utiliza o exemplo da tortilla de patacas para explicar este tipo de cousas... plaxio!!!

viernes, 16 de octubre de 2015

TECLAS DE FUNCIÓN EN GOOGLE CHROME

Non se trata de coñecer todos os programas e todas as súas peculiaridades, pero hai tres ou catro cousas moi útiles que convén saber, como por exemplo para que serven as teclas de función. No Google Chrome:
> F1.-    ao pulsala abre unha nova lapela, a de Axuda do Chrome. Unha vez aberta, podemos usala como unha lapela calquera.
> F3.-    ao pulsala abre un cadro de diálogo debaixo da barra de dirección, á dereita. Se escribimos directamente nel unha palabra resáltanola na páxina nos lugares en que aparece.
> F5.-    ao pulsala actualiza a páxina
> F6.-    ao pulsala selecciona a URL da páxina na que estamos. Se escribimos sobre ela, directamente faremos a procura en Google (ou no buscador predeterminado) ou iremos á páxina que escribamos.
> F7.- ao pulsala permítenos activar ou desactivar da funcionalidade de movernos pola web (especialmente polo texto) utilizando o cursor, o que tamén nos vai permitir seleccionar texto desde o teclado, por exemplo.
> F10.-  ao pulsala resalta o cadro de opcións (arriba, a dereita). Se pulsamos “intro” ábrese o cadro, e co cursor (arriba/abaixo) ou pulsando a tecla específica accedemos a algunha delas. Por exemplo, para pechar Chrome desde o teclado podemos facer: F10 – INTRO – S (se o temos en español, en inglés sería X en vez de S)
> F11.-  ao pulsala abre o modo de pantalla completa: vemos só a web en si, non controis nin barras nin nada, só a web. Incluso adoita desaparecer a barra inferior.
> F12.-  ao pulsala abre nun lateral asuntos sobre a configuración da web, as “tripas”. Ao noso nivel podemos pasar delas.

Se cadra algún pensa: "estas utilidades das teclas de función ¿son as mesmas noutros navegadores como Firefox, Explorer, Edge, Safari, Opera ou...?". 
A resposta é...

DOCUMENTARIOS SOBRE REDES SOCIAIS

Aínda que intentei collelos da web de RTVE, ao final tiven que recurrir a Youtube. Os dous tratan sobre Facebook, pero todo o que contan é aplicable a calqueroutra rede social (Twitter, Tuenti, Instagram, etc.). Ademais, nos medios de comunicación non paran de saír noticias nas que nos falan como comentarios das persoas nas redes sociais ou asuntos que puxeron nelas lles acabaron traendo problemas. As redes sociais están ben, pero hai que saber usalas.
DISPARATES DE FACEBOOK  en Youtube
DIARIO DE FACEBOOK en Youtube

martes, 13 de octubre de 2015

TRUCOS PARA BUSCAR INFORMACIÓN EN INTERNET

Como sabedes, á maioría de vós non se vos dá moi ben procurar información en internet. De feito, o informe PISA (oh, informe PISA!) detectou iso mesmo hai pouco.
Para as procuras en internet, desconfiade en principio da información dos blogs (calquera pode ter un e decir que é cirurxián ou enxeñeiro aeroespacial, e non ser certo). É preferible acudir a medios de comunicación profesionais, como xornais, radios ou televisións e aínda, dentro deles, aos especializados (en saúde, informática, automoción, etc., que se supón que dominan máis especificamente o tema). De todas maneiras, tamén neles pode haber información errónea; por iso é bo sempre consultar máis dunha fonte fiable (o ideal, polo menos, serían tres que non sacasen a información -á súa vez- da mesma fonte).
Sobre a fiabilidade das fontes en internet podedes seguir esta ligazón.
Hai algúns termos de busca (por exemplo, "honcode" para saúde -ver entrada de tecnocesures-) que valen para dirixirnos a lugares con información cuxa calidade está garantida. Se sabemos eses termos de busca, convén utilizalos para non dar por boa información que non o é.
Para buscar en Google hai unha serie de trucos que poden interesarvos. Hai diversas webs en internet a conta disto, que dan unha serie de consellos similares pero un pouco diferentes, en ocasións. A nós válenos cos que nos contan na web de Europa Press.
Dentro deles, os máis importantes son estes tres:
> Como nos indican, un dos trucos principais é a utilización das aspas ("") para buscar: se non as usamos, o buscador vai ofrecernos resultados que conteñan calquera das palabras da busca, pero se as usamos vai ofrecernos as que conteñen todas as palabras e nesa orde. Por exemplo, se escribimos sen aspas NON VAIAS A CLASE obtemos estes resultados na busca, se escribimos entre aspas "NON VAIAS A CLASE" obtemos estes outros resultados. É decir, escribir as palabras exactas entre aspas xa nos vai dar uns resultados de busca máis dirixidos ao que procuramos.
> Outro dos máis útiles é buscar só un tipo de arquivos determinado, escribindo "ext:doc" ou "filetype:pdf" despois dos termos de busca.
> Tamén é moi útil restrinxir a busca a un sitio web en concreto. Por exemplo, se queremos información sobre o paro en Galicia pero só queremos resultados da web de Faro de Vigo poderíamos escribir "paro Galicia site:farodevigo.es"

jueves, 8 de octubre de 2015

PCniús nº1

 P.C. niús 

A C.P.U.,
ESA GRANDE DESCOÑECIDA
PERIFÉRICOS:
DE ENTRADA?
DE SAÍDA?
TANTO TEN?
SEN MICROPROCESADOR NON HAI COMPUTADORA…
TARXETA GRÁFICA, DE AUDIO, DE REDE...
RAM E ROM NON
SON O MESMO!!!
    Non vai moita calor aquí?


viernes, 11 de septiembre de 2015

CARACTERÍSTICAS BÁSICAS DUN COMPUTADOR

Sen procurar moito encontrei información interesante:
* un pdf que fala exactamente das características básicas que ten un computador.
* un blog que nos fala dos distintos tipos de computadores e das súas catacterísticas pincipais.
* un curso on-line que trata de informática en xeral. Ten bastante publicidade polo medio, pero se imos andar en Internet hai que aprender a pasar dela.